O Laboratorio Xeolóxico de Laxe é unha Institución científica galega que foi fundada polo Profesor Isidro Parga Pondal en 1940. Dende entón a súa actividade está adicada ao estudo da xeoloxía de Galicia e do Hercínico Peninsular Ibérico. Esta Institución xurde logo da expulsión do Profesor Parga Pondal da Universidade de Santiago de Compostela onde exercía un posto de Profesor de Xeoquímica, por razóns como o seu ideario nacionalista galego e o rexeitamento dos seus compañeiros profesorais á súa concepción progresista da Universidade. Estes feitos tiveron lugar en 1936, ao iniciar a Guerra Civil Española. Dende ese momento o Profesor Parga Pondal refixo a súa vida e adicou o seu tempo libre e facenda ao estudo da xeoloxía galega e do Hercínico Peninsular, aproveitando os intres de lecer que lle deixaba a dirección da Empresa Caolines de Lage S.L., radicada na Vila de Laxe ao suroeste da cidade de A Coruña.
Ata o final da súa vida profesional (o seu retiro da vida activa prodúcese en 1969), Parga Pondal senta as bases actuais da moderna xeoloxía galega realizando numerosas investigacións e publicacións entre as que destaca o Mapa Geológico de Galicia ás escalas 1:50.000, 1:250.000 e 1:500.000 onde se correlaciona, por vez primeira, a xeoloxía de Galicia coa das áreas adxacentes: Portugal e resto de España. A súa obra publícase en 1982 coa edición do Mapa Xeolóxico do Macizo Hespérico Peninsular que presenta a xeoloxía do Hespérico da mitade occidental da Península Ibérica, froito da colaboración internacional de científicos de 5 países (Francia, Alemaña, Portugal, Reino Unido e España) e de 16 universidades europeas. Esta magna obra, coordinada e dirixida por Isidro Parga Pondal é o froito dos seus máis de 40 anos de investigación.
Xunto á súa labor científica expresada de maneira evidente nas súas numerosas publicacións está o seu meritorio traballo de director das investigacións xeolóxicas no NO da Península Ibérica que durante 25 anos levou a cabo non só coordinando estudiantes ou investigadores de distintas universidades europeas (Leiden, Delft, Zurich, Münster, Montpellier, Toulouse, Strasbourg, Nancy, Liverpool, Lisboa, Porto, Coimbra, Barcelona, Complutense de Madrid, Oviedo, Salamanca, Santiago de Compostela), que desenvolveron as súas campañas de investigación en Galicia, senon nas colaboraciones continuadas da equipa de traballo do Laboratorio Xeolóxico de Laxe coas de numerosas Instituciones de prestixio españolas ou extranxeiras (C.S.I.C., I.G.M.E., I.G.N., B.R.G.M., etc.).
Os resultados desta primeira etapa do Laboratorio Xeolóxico de Laxe foron unha serie de publicacións de índole diversa e a consecución dunha experiencia de traballo coordinada de equipas multidisciplinares e multinacionais que, colaborando coordinadamente nun mesmo espacio físico (Galicia) conseguiron levar á primeira posición, no que a estudos xeolóxicos se refire, o territorio galego. Dúas son as fases no estudo xeolóxico de Galicia que compre sinalar. Unha ata 1835 cando mercede ao traballo de Guillerme Schulz, terceiro Director do I.G.M.E., Galicia conta cunha carta xeolóxica, a máis moderna de toda España. A outra entre 1936 e 1982, en que, gracias ao traballo do Profesor Parga Pondal remata o Plan Magna do I.G.M.E. co mapa xeolóxico de Galicia a escala 1:50.000 que fornece a Galicia co grao de coñecemento máis pormiudizado da xeoloxía española sendo, sen embargo, a única rexión autonómica onde non existe Facultade de Xeoloxía nin estudos relacionados con ela no ámbito universitario.
En 1978, coa morte en accidente de tráfico de José Ramón Parga Peinador, fillo de Don Isidro Parga Pondal e continuador da súa obra, pónse en grave risco a pervivencia da Institución, o que gracias ao apoio de Isaac Diaz Pardo, fundador da Fábrica de Cerámica de Sargadelos, non chegará a acontecer. En efeto, en 1979 procédese ao traslado do fondo documental, litoteca, hemeroteca e biblioteca dende Laxe á nova sé do Laboratorio que fica ubicada dende entón na fábrica de Sargadelos no Castro, Sada, A Coruña, onde se constitúe novamente a estrutura da súa organización e é fornecida con persoal e medios axeitados para relanzar a súa actividade, o que se traduce nunha actividade de publicacións, reunións científicas e promoción da investigación xeolóxica que terá a súa continuidade no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.