A minaria galega. Por Juan Ramón Vidal Romaní

octubre 13, 2017 Publicado por Deja tus comentarios

Galicia deixou de ser unha provincia mineira hai moitos anos. Os seus recursos mineiros de agora son exclusivamente os que se chaman minerais e rochas industriais: seixo, caolín, arxilas, lignitos, lousa, cuarcita e granito. A súa tradución no que se refire a Patrimonio natural, Recursos científicos e Medio ambiente é simples: Desolación, Destrución, Desaparición. Moito se ten louvado, para desgracia dos galegos, a potencialidade mineira de Galicia e de feito os seus recursos minerais foron moi variados debido á complexidade da sua xeoloxía que deu oportunidade a formación de xacementos minerais de todo tipo. Malía ese feito todos os recursos que existiron en Galicia xamais terían sido explotados se non fora pola sua proximidade a Europa ou da conxuntura das duas guerras mundiais. Esto convertiu a Galiza na fonte de materias primas mais próxima ao conflicto. A minería ten sido para Galicia a sua ruina ainda que servira para o enriquecimento de algúns poucos. Nada se ten aproveitado Galicia dos seus publicitados ata o paroxismo recursos mineiros que se decían marabillosos e inagotables. Mais non resultaron ser nen unha cousa nen a outra.
Os primeiros empresarios dos que hai rexistro histórico que coñeceron e explotaron os recursos mineiros de Galicia foron os Fenicios. Ainda que esluidos nas brétemas dos relatos con referencias xeográficas pouco precisas Galicia parece identificarse como algunha das Illas Casiterites. Pouco, se algo, fica daquela primeira minaría. Os seguintes en entrar en Galicia á procura, esta vez de ouro, foron os Romanos. A sua explotación masiva do ouro deixou pegadas ainda hoxe recoñecibles en zonas como As Médulas, o val do Sil e o do Lor no Courel. Despois dos Romanos foi no século XVIII-XIX a siderurxia rural que aproveitaba maus xacementos de ferro, (con moito xofre), foi a que fixo agromar unha pleiade de pequenas ferrerías e os mazos ou machucas por todo o territorio galego nomeadamente nas provincias de Lugo e Ourense. As chatas de ésta siderurxia de corredoira foron a sua utilización como combustible do carbon vexetal e a sua contribución á desaparición das carballeiras galegas. (É curioso notar que as ferreirías foron manexadas por vizcainos e os mazos por cataláns). Nomeadamente dentre todas elas compre destacar a industria do Marqués de Sargadelos que arrasou as fragas do norte de Lugo primeiro para facer material de guerra ainda que despois se continuara coa cerámica de Sargadelos na sua primeira etapa. Na Segunda Guerra mundial novamente a guerra foi o motor da explotación masiva de recursos da minaría metálica galega como é o caso do wolfram quer en Galicia quer no norte de Portugal. Aproveitando man de obra barata, a economía da fome nunha version galega do Klondike canadiano, os gambusinos locais andiveron a procura do wolframio que logo vendían a alemáns o ingleses segundo quen lles ofertara millor prezo. Din que moitos cargamentos de wolframio foron parar ao fondo do mar comprado polos ingleses para que os alemans non poideran con aquel produto millorar as blindaxes dos seus carros de combate. E xa despois da 2ª Guerra Mundial compañías estranxeiras (inglesas, francesas, canadianas e alemans) deron cabo dos últimos recursos mineiros galegos.
No século XX chegou o tempo do expolio dos últimos recursos, os únicos que manteñen a maldita sona de Galicia como provincia mineira: as rochas e minerais industriais que son a coitelada mortal que vai acabar por unha banda cos recursos mineiros e por outra co medio ambiente. Todas estas explotacións son «a inferno aberto», as que mais dano producen pois a súa explotación arrastra a xeración de grandes cantidades de entullos que ocupan mais espacio que o orixinal e que non hai outra solución que deitalas na superficie da terra. No caso particular dos minerais enerxéticos, os lignitos xa esgotados, o resultado son inmensas escombreiras de difícil rexeneración pola vexetación, inestables quero dicir suxeitas a movementos e deslizamentos e inmensos furados que por lóxica se encheran coas chuvias dando lugar a grandes lagoas. É o único caso en que as empresas mineiras teñen restituido os xacementos ás suas condicions orixinais. Convertiron en lagoas o que inicialmente eran lagóas hai millóns de anos. Pero o que había dentro das lagoas convertiuse en fume, cinzas e a queima dos lignitos transformouse en enerxía eléctrica que fuxiu, de novo para fora de Galicia. A da central eléctrica das Pontes foi parar íntegramente, a prezo de saldo, para a Factoria de San Cibrao e foi aproveitada por ALCOA para facer materia prima para envases de refrescos, papel para envolver bocadillos e agora muiños eólicos que xeran mais enerxía que novamente fuxe para fora. Galicia é unha inmensa máquina de producir enerxía que non para de fuxir dela para deixar as ganancias fora dela e os refugallos que ninguen quere: lamas roxas, cinzas e furados, para os galegos. E no caso do aluminio nen sequera é transformado en Galicia senon no Pais Vasco ou noutras partes de España. A vaca do cartel da propaganda para o Estatuto de Galicia de 1936 que debuxara Castelao comendo en Galicia a herba e sendo munxida en Madrid por un home de fato negro e chisteira é agora sustituida por un muiño eólico, ou un encoro onde os cables levan a enerxía eléctrica para fora.
Os lignitos de Galicia nunca foron grande cousa. O seu poder calorífico era cativo. Apenas prestaban a enerxía que da queimar madeira. Era un caso paralelo ao do Marques de Sargadelos coa sua Siderurxia de Corredoira feita a base de carbon vexetal. Como as centrais térmicas de Meirama e As Pontes precisaban de mais enerxía que a que lle fornecía a madeira que queimaban remediarono misturando nos seus fornos os cativos lignitos galegos con antracitas de EEUU, Sudáfrica, e Polonia, rexeitadas por aqueles paises polo seu alto teor en xofre e que foron importadas por España a baixo prezo. De maneira que os kilowatios producidos con recursos galegos (?) e primados polo Goberno Español, sobre todo nos momentos en que o prezo do petróleo subía, pois supuñan un aforro de divisas para o País, eran de feito xerados a partires de carbons altamente contaminantes e rexeitados polos paises que os vendían. Se gañaron cartos por importar carbons de fora, se gañaron cartos por xerar enerxía con recursos propios que nono eran pois se producian con carbons importados e Galicia gañou chuvias de xofre (sulfúrico). Galicia ficou sen lignitos e sen enerxía porque ou ben exportaba os kilowatios producidos aquí para o resto de España ou ben industrias asentadas en Galicia os empregaban para transformar as bauxitas de Brasil ou de Jamaica en tochos de aluminio que logo se transformaban fora de Galicia en produtos que retornaban a Galicia en materiais transformados con alto valor engadido. Expolio tras expolio da enerxía e dos produtos transformados con esa enerxía dos que Galicia non tirou proveito algún.
O último capítulo desta vella historia e o das chamadas rochas ornamentais: granitos, lousas e cuarcitas. A explotacion destes chamado recursos mineiros e a última ruina para Galicia. Tal como se fan as cousas en Galicia no negocio das rochas ornamentais esta industria non tería futuro mais que en paises terceiro mundistas ou nada desenvolvidos. As relación entullos producidos /produto aproveitable son arrepiantes. A industria da Lousa en datos fornecidos polas mesmas empresas do sector nen chegan aproveitar o 1% do que estragan. No millor dos casos por cada peza de lousa que fica enriba dunha casa 99 mais agardan polo Xuizo Final na propia canteira de onde foron extraidas. Non é de extrañar este baixo rendemento pois estes terroristas ecolóxicos empregan os mesmos métodos que a ETA: carga de dinamita e despois a apañar o pedazo mais grande que fique e o levan as naves de elaboración onde candidatos a xordeira ou a silicose exfolían a golpes de martelo e cincel a lousa para transformála en laminas que despois retallan aos tamaños normalizados que lles eisixen os clientes. O 25% da produción mundial (0 60% segundo os últimos datos do cluster da Lousa en Ourense) é xerada por estas insólitas ONG’s da mineria que son as empresas da lousa galegas. E como no caso da siderurxia galega do Marqués de Sargadelos, ou como no caso dos lignitos, ou como no caso do wolfram e o estaño, Galicia fica con todas as suas terras millores ateigadas dos entullos que ninguén quere para os seus paises e que xenerosamente nos regalan. E como a produción non abonda os nosos “empresarios” teñen procurado outros paises mais pobres ou ainda menos eisixentes que o noso e comenzan a importar lousa de Brasil e de China que logo de barallar como nunha sinistra timba de cartas coa “santa lousa galega” sera exportada ao mundo civilizado como auténtica lousa galega “a millor do Mundo e cecais de Portugal”. Novamente, como no caso da mistura de lignitos galegos e carbons do resto do mundo temos conseguido a cadratura do circo. Conseguir cobrar a España, é dicir a nos, os que pagamos os tributos, duas ou tres veces a mesma factura. E novamente os galegos ficamos co que ninguen quere: os furados e os entullos. E cando os responsabeis piden que se reparen os danos os empresarios da lousa din que non teñen cartos e é a administracion xenerosa cos seus cartos, ou sexa cos nosos cartos, é a que debe acometer a tarefa de reparar os danos.
O caso do granito é un pouco menos dramatico, mais semellante o da lousa. Aqui as ratios entullos producidos/material aproveitado son un poco mais baixas. Entre un 20 e un 30%. Ou sexa por cada 20 bloques de granito fican na canteira tan so 80 bloques que nin se aproveitan.
E novamente repetese a historia, a vella historia de sempre. Queren mais granito galego para o Mercado mundial e invaden os territorios próximos. O Miño/Minho xa non é raia nen seca nen mollada. E invaden Valença do Minho destruindo novamente as paisaxes graníticas ata agora virxes e facendo axir a lei da gravidade, a única lei que respeitan os empresarios da Pedra Galega. Reventan os curutos dos montes e deitan ladeira abaixo o que non lles vale para tallar os blocos de granito que levarán para as suas naves de elaboración e despois exportaren ao mundo como granito galego.
Tal vez sexa este o sino de Galicia, conservadora ata no seu xeito de explotar os seus “recursos mineiros” da maneira mais primitiva que existe ainda que na vez de utilizar a cuña de madeira empregan a dinamita, e no millor dos casos o fio de diamante e o soplete de acetileno. Somos o ultimo povo de Europa en explotar o seu territorio dun xeito tan suicida e irreflexivo.

 

Publicado por Instituto Universitario de Xeoloxía

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *